Dende o pasado venres, está aberto o prazo de inscrición para asistir á xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals que, neste 2019, centrarase en “Muller e poder”.
A actividade, que terá lugar o mércores 3 de abril e para a que é xa posible inscribirse a través da web da Deputación, contará coa presenza de “grandes mulleres a nivel galego e nacional” da talla de Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila e África González.
“Muller e poder” ten por obxectivos trasladar “de xeito práctico todo o que significa e implica ser muller en diferentes ámbitos de poder dende a ciencia e a tecnoloxía, a cultura, a empresa, o deporte, os medios de comunicación ou a política”, asegurou a presidenta da Deputación.
Carmela Silva salientou que, “as conferenciantes achegarán as súas experiencias, sinalando os obstáculos que dificultan o acceso a espazos de decisión e postos de responsabilidade, e reflexionarán sobre novos estilos de liderado onde temos que ter o 50% do protagonismo”.
Para participar na xornada, dirixida a persoal da administración local, persoal dos CIM, persoas que traballan a favor da igualdade e contra as violencias machistas así como homes e mulleres interesados e interesadas, está xa dispoñible un formulario web en https://www.depo.gal/escola-de-igualdade-maria-vinyals/xornada-muller-e-poder. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata completar o aforo.