A Deputación de Pontevedra comeza este luns, día 25, na provincia as actividades socioculturais para persoas usuarias do servizo de teleasistencia. O obxectivo das memas é o de favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, favorecer o contacto social e previr situacións de illamento e soidade.
Tras os talleres de estimulación da memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades centraranse na estimulación das funcións cognitivas a través da música e dos xogos. Durante este ano está prevista a realización de 12 actividades deste tipo, entre os meses de marzo e outubro.
Baiona acollerá o primeiro taller, que se desenvolverá hoxe ás 5 da tarde no Centro Sociocomunitario, e que estará destinado ás persoas usuarias e acompañantes do servizo de teleasistencia dos concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar e Oia.
A seguinte actividade realizarase no Grove o mércores, día 27, tamén ás 5, no Centro Social da Terceira Idade. Asistirán persoas usuarias e acompañantes dos municipios do Grove e de Sanxenxo.
582 persoas de 46 concellos
Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 582 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite, a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional, manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.