O Goberno de Galicia vén de lembrar que “o Concello de Vigo xa ten encomendadas as competencias na limpeza e conservación do río Lagares a través do Plan Hidrolóxico Nacional”.
Dende a Xunta sinálase que o artigo 28.4 da Lei 10/2001, de 5 de xullo, do Plan Hidrolóxico Nacional, establece que “son de responsabilidade municipal as actuacións en cauces públicos situados en zonas urbanas”. Ademáis unha sentenza do Tribunal Supremo, referendou posteriormente este aspecto.
O Goberno galego trasladoulle esta información ao Goberno local o “pasado mes de novembro”, recollendo referencias expresas á normativa que fixa como unha responsabilidade dos concellos actuar nos treitos urbanos dos ríos, así como en todas as infraestruturas das marxes que sexan da súa titularidade.
Coa fin de facilitar o correcto exercicio destas competencias por parte das entidades locais, “a Xunta puxo á disposición dos concellos o pasado mes de xaneiro unha ferramenta que, a través do visor xeográfico de Augas de Galicia, permite delimitar os treitos urbanos cuxo mantemento deben asumir”.
Á marxe desta medida, publicouse no Diario Oficial de Galicia unha instrución que establece o procedemento para a limpeza e conservación dos case 15.000 quilómetros de ríos existentes na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
A responsabilidade municipal se limita á limpeza e conservación dos treitos urbanos, que suman, en total, 300 quilómetros.
Por último, a Xunta subliña que “ademais de ter a responsabilidade de conservar o treito urbano do río, o Concello de Vigo ten capacidade legal para acometer actuacións de mantemento no resto do curso”.