O Goberno de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), sorteou este mércores en Vigo dúas novas vivendas de protección autonómica rehabilitadas polo Consorcio do Casco Vello, nos edificios Cruz Verde 8 e Ferrería 8.
O nome dos adxudicatarios provisionais, así como a orde dos posibles reservas, quedou establecido esta mañá ante notario e pódese consultar na seguinte ligazón: http://igvs.es/web/actuamos/600
Concretamente, a edificación de Cruz Verde 8 permitiu a creación dunha vivenda unifamiliar de tres dormitorios distribuída en planta baixa e tres pisos, e conta tamén cun pequeno patio posterior cara ao que se orientan as zonas de servizo. A planta baixa é unha área de apoio para a vivenda e alberga, ademais do espazo propio para o recibidor e o oco da escaleira, un despacho e un pequeno almacén. Trátase da segunda promoción do CCVV nesta rúa.
En canto a Ferrería 8, distribúese en planta semisoto, planta primeira e planta segunda baixo cuberta. Consta de dous dormitorios, de aproximadamente 11 e 15 metros cadrados, dous aseos, un baño, un estudo e un lavadoiro. A superficie construída total é de 178,84 metros cadrados, dos cales 111,35 son útiles. O edificio ten tres fachadas, abertas ás rúas Ferrería e Baixada a Herba e supón o sétimo dos inmobles rehabilitados polo ente nesta rúa.
As dúas novas promocións do CCVV supuxeron para este organismo un investimento en conxunto de 370.000€.