Comarcas

@depo_es aprobará este venres as bases para as axudas de emerxencia para concellos de menos de 20.000 habitantes

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres as bases das axudas básicas de emerxencia para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. As mesmas contan cun orzamento de 465.000 €, dos que 365.000 € serán para axudas ao gasto corrente e, os 100.000 € restantes, para investimento.

As axudas básicas de emerxencia, que os veciños e veciñas da provincia poden solicitar a través dos servizos sociais dos seus concellos, teñen a finalidade de dar apoio económico para poder atender ás necesidades urxentes e puntuais dos e das cidadáns que se atopen en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas persoas con menores ao seu cargo, ademais de dar resposta a situacións de grave emerxencia.

As persoas beneficiarias destas axudas poderán empregalas para alimentación, uso de vivenda (pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda), pagamento de recibos (luz, auga, gas ou gasóleo), pagamento de produtos de hixiene e limpeza (lixivia, deterxente, xabón, desodorizante, hixiene feminina), pagamento de produtos farmacéuticos (prescritos por persoal facultativo), adquisición de electrodomésticos básicos (lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador…), pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pagamento de lentes e audiófonos e axudas de apoio á infancia.

También te puede interesar