A esperanza de vida ao nacer superou por primeira vez en Galicia a barreira dos 83 anos. Así o indica o último informe sobre indicadores demográficos publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
En canto á esperanza de vida ao nacer, é dicir, a estimación media de anos que viviría unha persoa no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes e semellantes ás actuais, acadou no ano 2017 en Galicia os 83,3 anos.
Tendo en conta o ano 2016, a esperanza de vida sobe en ambos sexos e chega aos 86,3 anos nas mulleres fronte aos 86 no 2016, e aos 80,2 no caso dos homes fronte aos 79,5 do ano anterior.
Polo que se refire á esperanza de vida aos 65 anos, entendida como a media de anos que lle queda por vivir a unha persoa que alcanza esa idade, situouse en Galicia nos 21,6 anos. Este indicador volve ser máis elevado no caso da mulleres (23,7) que no dos homes (19,4).