Galicia Sucesos

Unha persoa morta e 59 feridas nas estradas galegas a pasada fin de semana

O persoal do 061 asistiu durante a fin de semana a 60 persoas debido a 43 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do venres, día 29, e as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 31 de marzo.

A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 51 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 48 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 60 persoas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 62. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en tres accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 47 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro ocasións.

En 48 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 11 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

También te puede interesar