Galicia Vigo al minuto

@En_Marea esixe a @FeijooGalicia que cese ao conselleiro de Sanidade e ao xerente da Área Sanitaria de Vigo

En Marea levará ao Parlamento de Galicia a súa esixencia de “cese inmediato” do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e do xerente da área sanitaria de Vigo polo que considera “un maltrato continuo ao que veñen sometendo aos profesionais da sanidade”.

Segundo o voceiro de En Marea, que estivo este mércores na cidade, “esta situación se deixa notar especialmente na Área Sanitaria de Vigo, cuxos traballadores denuncian coaccións e imposicións que supoñen graves ataques contra os seus dereitos laborais. E que, en última instancia, redundan nunha perda da calidade asistencial que reciben os pacientes”.

Xuntanza con PACs e Médicas Precarias

Logo de manter unha xuntanza con representantes de ‘PACs en Pé de Guerra’ e do colectivo de ‘Médicas Precarias’, Luis Villares aseguroy que  ven de constatar, “unha vez máis, a nefasta e intolerable xestión que o Goberno galego está a impulsar en materia sanitaria”.

Por iso, En Marea volverá levar ao Parlamento de Galicia as “xustas demandas” dunas profesionais que “denuncian coaccións á hora de establecer horarios e quedas de traballo que non son consensuadas. Ademais de imposición de xornadas abusivas que non permiten unha planificación laboral mínima nin conciliar a nivel persoal”.

A xuízo de En Marea, é de especial gravidade que a Xunta de Galicia estea amparando e promovendo prácticas que imposibilitan a conciliación familiar entre o seu funcionariado. “Estanse retrasando petición de reducción de xornada ou solicitudes de excelencias para coidado da familiar, feitos moi graves. Que clase de servizo público está prestando a Xunta cando maltrata deste xeito aos seus funcionarios?”.

“Volveremos pedir no Parlamento de Galicia o reemprazo inmediato do conselleiro de Sanidade e do xerente da área sanitaria de Vigo, porque non son aceptables as condicións ás que se está sometendo aos profesionais sanitarios”, anunciou Luís Villares, que explica o contido dunha moción que incidirá nos cinco  puntos propostos polos colectivos e que motivaron a folga na Atención Primaria , da que informaba onte vigoalminuto.

También te puede interesar