Comarcas

Éxito da xornada ‘Muller e poder’ organizado por @depo_es na Escola de Igualdade María Vinyals

“Muller e poder”, a xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals, abriu este mércores as súas portas cun aforo totalmente cheo e da man da presidenta da Deputación.

Carmela Silva, que comezou a súa intervención amosando a súa indignación e rexeitamento porque “hoxe levantámonos con dous casos máis de asasinatos de mulleres. No que levamos de ano xa son 15 as mulleres asasinadas, máis que semanas do 2019, e xa está ben, hai que poñerlle fin a esta terrible dor, humana e social”.

103 alcaldesas hai 40 anos, nas primeiras Eleccións Municipais

Xunto a esta reivindicación, Silva tamén fixo fincapé na data deste 3 de abril “na que se compren 40 anos das primeiras eleccións municipais democráticas onde 103 mulleres pioneiras e loitadoras convertéronse en alcaldesas, as primeiras elixidas trala recuperación da democracia”. Silva subliñou que “todas elas, que soamente representaban o 1,2% dos cargos electos, abriron o camiño para que outras ocupásemos espazos públicos e pese a que non todas elas eran feministas, nin tiñan un compromiso coa igualdade, deron un paso adiante para liderar o poder político, o máis transformador que existe na sociedade”.

A presidenta lembrou que das 103 mulleres pioneiras alcaldesas seis gobernaron en Galicia. “Elas marcaron o camiño de liderar a política local e hoxe estamos aquí reivindicando novos modos de liderado e formas de distribución do poder”.

Violencia institucional contra as mulleres

Outra das cuestións nas que afondou a presidenta da Deputación foi a violencia institucional que “padecemos as mulleres de todos os partidos políticos, con insultos que sempre son de xénero, porque cando nos queren descualificar chámanos puta, chacha para todo, mona…”. Segundo Silva, estes insultos teñen “dous obxectivos patriarcais centrados en humillarnos, minusvalorarnos e en facer que nos sintamos mal, que sigamos sentindo complexo pola mirada que eles dan de nós, e non o podemos consentir”.

Presenza feminina en postos de mando

Con respecto aos diferentes ámbitos profesionais, a presidenta da Deputación recordou a escasa presenza da muller no poder no xornalismo, no que o 73% dos postos de dirección son masculinos; cultura, no que só o 18% dos espectáculos son de autoras; xustiza, onde a presenza das mulleres no Tribunal Supremo é do 11,6%; investigación, onde só o 21% dos postos ocupados na Unión Europea pertencen ás mulleres; empresa, onde o 19,4% dos órganos de dirección de empresas de IBEX recaen en mans de mulleres; ou política, onde soamente 22 mulleres son presidentas dos 194 países do mundo.

“Os datos son claros, son obxectivos, e  debemos amosalos, non ocultalos, para que quede claro a situación na que aínda nos atopamos as mulleres e non se negue a desigualdade”, asegurou.

También te puede interesar