O colectivo de familias afectadas pola falta de pediatras no Centro de Saúde de Cangas e na Casa do Mar de Aldán enuncia o que cualifica de “situación de total abandono e desamparo que estamos a sufrir”.
Segundo indican este mércores pola mañá no Centro de Saúde de Cangas había unicamente un pediatra para atender a á poboación de case 4.000 nenas e nenos do concello.
Lembran que Sanidade deixou sen pediatra á Casa de Mar de Aldán, “xa hai case 9 meses”, e sen pediatra de tarde ao Centro de Saúde de Cangas, “dende hai seis”.
Dende aquel momento todo o concello, “con parroquias distantes até 15 quilómetros”, ten a disposición unicamente tres pediatras en horario de mañá, “que non dan abasto coas diferentes situacións de revisión, vacinas e urxencias que se xeran nunha poboación crecente”.
As familias alertan de que nos últimos meses a situación agrávase coa baixa de dúas das pediatras: unha hai un mes e outra hai case unha semana. “De feito, a día de hoxe, ás doce da mañá só había un pediatra, o que provocou unha situación total de desamparo” entre os pacientes.
Algún deles, aseguran, non entendían tal situación e ao pedir explicacións ninguén no Centro de Saúde, “nin sequera o seu xerente que non se atopaba alí”, podía dar respostas, “coa conseguinte angustia que supón chegar cunha urxencia, sen saber a súa gravidade, como foi o caso”.