Cultura Destacados

As mulleres son xa una amplia maioría na carreira xudicial en Galicia: o 57,9% do total

O número de xuízas e maxistradas en Galicia supera o de homes, pois representa o 57,9 % do total. A comunidade galega é a terceira do Estado con máis mulleres na Carreira Xudicial, unha cifra que só superan o País Vasco (61,6 %) e Madrid (58 %), segundo os datos que figuran no “Informe sobre a estrutura da carreira xudicial ao 1 de xaneiro de 2019”, elaborado polo Servizo de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Hai dez anos, en 2009, cun 51,4 %, foi a primeira vez en Galicia que a porcentaxe de maxistradas e xuízas en activo superou a de homes. A media de membros da xudicatura por habitante en Galicia en 2019 é de 12,8 por cada 100.000, polo que supera a media estatal, que se sitúa en 11,6. A comunidade mantense como unha das que rexistra unha maior ratio de xuíces por habitante, só por detrás de Asturias (14,5) e Cantabria (14,1) e igualada por Castela e León.

Galicia, segundo o informe feito público hoxe, conta con 347 membros en activo na Carreira Xudicial, fronte aos 284 de hai dez anos, o que representa un 22 % máis. A súa antigüidade media é de 18,6 anos e a media de idade sitúase en 49,9.

You may also like