O BNG de Vigo continúa a avanzar na elaboración do seu programa electoral de cara as vindeiras Eleccións Municipais do próximo 26 de maio. Coa finalidade de facilitar a participación directa das viguesas e vigueses, vén de lanzar unha para poder enviar desde calquera dispositivo Android, móbiles ou tablets, “ideas, propostas e suxestións” para a súa incorporación no programa do Bloque.
“O novo impulso que o BNG queremos darlle a Vigo só será posíbel contando con todas e con todos. Queremos sumar todas as ideas, todas as propostas, para construírmos entre todas unha cidade para o pobo, unha cidade de iguais e unha cidade que sexa motor de todo un País”, explicou o candidato do Bloque á alcaldía, Xabier P. Igrexas.
App sinxela e rápida
A App está dispoñíbel na Google Store (buscando o termo “BNG”) e tamén a través dun código QR que se está a distribuír nas redes sociais e con cartelaría nas rúas da cidade baixo o lema “Contigo faremos de Vigo unha cidade para o pobo”.
Para facilitar a súa instalación pode accederse de maneira directa a través de www.i.gal/programaBNGvigo. Unha vez instalada pode enviarse de maneira moi sinxela calquera proposta. Ademais desta vía, a formación nacionalista tamén recollerá ideas a través dos seus perfís en redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e correo electrónico.