Os guías de AGAIAS – asociación de guías acreditados do Parque Nacional das Illas Atlánticas- veñen de manifestar a súa preocupación “fronte ó incumprimento por parte das empresas navieiras do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) recentemente aprobado”.
Este plan, salientan dende esta asociación, obriga a que as persoas que exerzan como guías neste espazo natural conten co título que así o acredite. “Actualmente, en temporada baixa, cando só acceden ao Parque Natural un escaso número de barcos as fins de semana e poucos guías son necesarios, as navieiras non levan con todos os seus grupos de visitantes a guías acreditados”.
AGAIAS salienta que hai só uns meses que o tan esperado PRUX foi publicado, e xa se está a incumprir neste punto. “Que podemos esperar entón na época de máxima afluencia ás illas? Que outros puntos se saltarán as distintas empresas que traballan neste valioso espazo natural?”