A CIG e CCOO suspenderon o inicio da folga indefinida prevista para este mércores, día 10, no servizo de limpeza dos hospitais galegos. A decisión tomouse logo do acordo acadado na mediación laboral a respecto da equiparación salarial mediante o pago do plus de carreira profesional.
A representación sindical agardará sete días a que as empresas que aínda non o fixeron abonen as cantidades pendentes, e no caso contrario reactivará a convocatoria.
Percepción económica
As partes recoñecen que constitúe un dereito de todas as persoas que prestan servizos para as contratas do Sergas a percepción económica do equivalente ao importe da chamada carreira profesional.
Con todo, déixase moi claro que en ningún caso o recoñecemento do dereito do persoal pertencente ás distintas contratas do Sergas que teñan recoñecida a equiparación salarial ás contías vixentes da chamada carreira profesional poderá facerse depender da sinatura ou presentación do modelo pactado.
A antigüidade, o único requisito
Ademais, estableceuse que as empresas non poderán esixirlle ás beneficiarias ningún requisito fóra da antigüidade, xa que aquelas que se negaban a pagar reclamaban a realización dun curso de especialización. Tanto CIG como CCOO rexeitaban esta demanda ao entender que rompía o acordo formalizado no Consello Galego de Relacións Laborais e tendo en conta que “o persoal non precisa de formación adicional porque ten anos de experiencia abondo”.
O comité de folga fixou un prazo de sete días para que as empresas que aínda non pagaron a equiparación salarial do persoal das contratas co do Sergas (Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion) poidan facelo, xa que do contrario reactivarán a folga.