A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer a estimación de ocupación hoteleira media na provincia para a vindeira Semana Santa e que, segundo os datos de Turismo Rías Baixas, se situará no 64%, dous puntos máis que o previsto na Semana Santa do 2018.
Trátanse dunhas estimacións “prudentes” debido a que “aínda esta semana abriron algúns establecementos, outros non van abrir, e a climatoloxía pode facer variar os resultados”.
Silva tamén sinalou que nalgunhas comarcas “os resultados serán mellores debido á celebración de eventos deportivos que traerán a moitos visitantes como é o caso do Salnés onde prevese unha ocupación do 75%, con cidades como Vilagarcía rozando o 100%”.
No caso da comarca de Pontevedra estímase un 65% de ocupación hoteleira durante a Semana Santa. Sobre esta comarca a presidenta indicou que “pechará o mes de abril cunha elevada porcentaxe de ocupación debido a que a finais de mes terá lugar o ITU Multisport, que concentrará a máis de 4.000 deportistas”.
Pola súa banda, a comarca do Morrazo superará o 54% de ocupación hoteleira, Caldas o 45%, Vigo o 60%, O Baixo Miño o 68%, O Condado e A Paradanta rozarán o 100% e as comarcas de Deza e Terra de Montes superarán o 50%.
En canto ao turismo rural, a presidenta da Deputación informou que se agarda unha ocupación media en toda a provincia do 60%, superándose esta porcentaxe en comarcas como O Morrazo, Pontevedra, Vigo e Caldas.