A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade publicou recentemente o informe final sobre o ‘Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2018’. En Galicia, as zonas de baño con clasificación excelente ou boa supoñen o 95,9% de todas as zonas de baño que forman parte do censo.
Así, dos 507 puntos de mostraxe das zonas de baño incluídas no censo oficial, o 84,4% obtivo unha clasificación sanitaria excelente. Trátase da mellor clasificación dende 2011, cando se situou no 70,7%, e que é o ano no que se comezou a empregar o sistema de cálculo da clasificación sanitaria actual adaptado á normativa europea.
Durante 2018, o 11,4 % das zonas de baño obtiveron unha clasificación boa e o 2,6 % unha clasificación suficiente. Nesta tempada só oito zonas obtiveron unha clasificación sanitaria insuficiente. Este dato indica que para a tempada 2019 só no 1,6% dos puntos de mostraxe analizados se deberá prohibir o baño ou recomendar non facelo, fronte ao 2,4% da tempada anterior.