A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, en calidade de presidenta do ente público Augas de Galicia, asinou este luns o convenio sobre o abastecemento a Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra.
O texto, informa o Goberno de Galicia, “foi remitido de forma inmediata ao Concello de Vigo e tamén á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, co obxectivo de que esta licite o antes posible o estudo obxecto do acordo de colaboración”.
Na xuntanza celebrada en Vigo o pasado 26 de outubro, a Xunta propuxo o a sinatura dun convenio de colaboración entre a Administración autonómica, o Concello e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar conxuntamente un estudo de alternativas para garantir o abastecemento de auga á zona sur da provincia de Pontevedra a longo prazo.
“A Xunta impulsou este traballo de análise debido á súa preocupación polos problemas estruturais identificados no sistema que abastece auga á cidade de Vigo e a outros 10 municipios a través dos encoros de Eiras e Zamáns. O último episodio de seca rexistrado no ano 2017 evidenciou a necesidade de acometer actuacións que permitan garantir o abastecemento de auga a longo prazo no novo contexto do cambio climático”.
Realización dun estudo
O convenio asinado hoxe por Ethel Vázquez “permitirá realizar un estudo técnico das diferentes alternativas e determinar a proposta máis adecuada de mellora da regulación e almacenamento de auga para solucionar os problemas que presenta o sistema de abastecemento de auga desde os encoros de Eiras e de Zamáns”.
O convenio prevé que, a partir das conclusións obtidas neste estudo, se realice o correspondente estudo de impacto ambiental da opción definida como a máis axeitada.
A Xunta e as outras dúas administracións cofinanciarán a partes iguais os 200.000€ nos que se estima o custo do estudo
Os concellos incluídos nesta área, Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán e Gondomar, abastécense de recursos hídricos tanto da conca Galicia- Costa (encoro de Eiras e encoro de Zamáns) como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que xustifica unha actuación conxunta das tres Administracións Públicas.