A Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) celebra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que condena á Universidade de Santiago de Compostela a pagar ao colectivo predoutoral a indemnización por extinción de contrato.
A reclamación deste dereito fora unha das primeiras peticións que desde a AIC se lle trasladara tanto ao Reitor, Antonio López, como ao Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, e ao Xerente, Javier Ferreira. “Pero nunca ningún deles, nin do Equipo de Goberno da USC, amosou o máis mínimo interese por solucionar o problema. Máis ben todo o contrario, sempre nos trataron con desprezo e se negaron a negocialo”, sinalan dende a Asemblea.
As súas representantes lembran que ese desprezo “foi un dos motivos que nos levou a mobilizarnos e a iniciar a campaña dos #MartesNegros #PorUnhaUSCDigna coa que continuamos e coa que seguiremos”.
O da indemnización por extinción de contrato tamén era un dos dereitos que solicitaban que fose explicitamente recollido no Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación (EPIPF). “Pero, por desgraza, o Goberno non quixo nin mencionalo na súa redacción final recentemente publicada no BOE”.
“Agora, esta sentenza do TSXG vén a colocar no seu sitio os marcos que tanto o Goberno como a USC trataron de mover”.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nega que o contrato predoutoral -así definido no artigo 21 da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación- poida ser considerado un contrato formativo, pois afirma que “en modo algún pode equipararse ao subscrito polos traballadores afectados polo conflito aínda cando se denomine predoutoral en formación”.
Hai que lembrar que alegar que son contratos formativos é “unha das moitas escusas que o Equipo de Goberno da USC vén empregando para negarlle aos seus traballadores e traballadoras este e outros dereitos. Queda claro agora o que levamos defendendo desde hai moito tempo na AIC: que adxectivar artificialmente algo como ‘en formación’ non o convirte en formativo”.
A sentenza equipara o contrato predoutoral ao contrato temporal por obra ou servizo determinado, afirmando que “a consecuencia de todo isto é que os contratos dos demandantes deben cualificarse como temporais de obra ou servizo, e á súa finalización teñen dereito a percibir a indemnización establecida no artigo 49, 1, c) do Estatuto dos Traballadores na contía que en cada caso corresponda”. Recoñécese así o dereito do persoal investigador con contrato predoutoral a percibir unha indemnización por extinción de contrato de 12 días de salario por cada ano traballado.
Desde a Asemblea de Investigadoras de Compostela emprazan, “unha vez máis” ao Equipo de Goberno da USC a que se sente a dialogar e negociar unha solución definitiva tanto para este como para os demais problemas que lle teñe trasladado.
As representantes de A Asemblea advirten de que “mentres os problemas non se solucionen, a AIC seguirá loitando en tódalas frontes #PorUnhaUSCDigna”.