Ás 9 da mañá deste luns abría o prazo de inscrición e, en pouco máis de dúas horas, a Deputación de Pontevedra esgotou as 380 prazas dispoñibles para a nova edición de visitas teatralizadas nos castelos de Soutomaior e de Sobroso.
80 persoas participarán nas visitas a Sobroso, onde xa hai unha lista de agarda de máis de 100 persoas, e outras 300 farano en Soutomaior ao longo das fins de semana do vindeiro mes de maio e comezos de xuño.
As personaxes da bufona Burlona, Teresa de Távora e a pantasma Sancha serán nesta ocasión as personaxes que guíen as novas visitas teatralizadas.
Como cada ano, a Deputación de Pontevedra búscase así desestacionalizar o turismo na provincia e dar a coñecer a historia de Soutomaior e Sobroso dun xeito máis ameno, interactivo, innovador e divertido.
As visitas ao Castelo de Sobroso terán lugar os días 10, 11 e 12 de maio, cun aforo de 20 persoas por quenda. No caso do Castelo de Soutomaior, a iniciativa vaise desenvolver os días 5, 12 e 19 de maio e mailos días 1, 2 e 8 de xuño, con grupos de 30 persoas por quenda.