A Deputación de Pontevedra pon en marcha un proxecto pioneiro para fomentar os estudos das disciplinas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre as rapazas e rapaces da provincia, a través dunha nova liña de axudas para centros escolares que poñan en marcha proxectos medioambientais mediante as disciplinas STEM.
“Sacamos adiante un novo proxecto educativo para garantir unha provincia de futuro. Dende a Deputación queremos lograr que as disciplinas STEM sexan atractivas, porque estas materias son as que van xerar a riqueza no futuro e son o futuro”, explicou a presidenta do organismo provincial.
Carmela Silva lembrou que hoxe en día e no futuro as carreiras STEM son as que van xerar máis emprego, máis actividade económica e máis riqueza. Po iso “as administracións temos que ser pioneiras en poñer en marcha proxectos que permitan que, nesta provincia, especialmente as rapazas, se tomen moi en serio estas disciplinas e opten por cursar estes estudos”.
Silva salientou que soamente un 25% das persoas que estudan as carreiras STEM son mulleres, “e quen van dirixir o mundo serán as persoas que teñan coñecementos sobre estas materias, e polo tanto, temos que facer un enorme esforzo para que as mulleres esteamos aí”.
Dende a Deputación impúlsase esta liña de axudas, dirixidas aos centros escolares públicos de Primaria e Secundaria da provincia, para desenvolver proxectos relacionados co medio ambiente no marco das disciplinas STEM.
As bases que rexen a convocatoria publicáronse o 2 de maio, no BOPPO, polo que os centros educativos xa están en prazo para presentar as súas solicitudes, de maneira individual ou en conxunto. Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 10.000€ e outorgaranse por concorrencia competitiva, segundo os criterios fixados nas bases.
Os proxectos que opten ás axudas teñen que estar impulsados polo alumnado e coordinados por persoal docente. A finalidade é que sexan as alumnas e os alumnos os que ideen o proxecto, o desenvolvan e o saquen adiante, sempre co apoio e axuda do profesorado.
Para optar a esta iniciativa, as propostas deben cumprir dúas premisas: estar relacionadas co medio ambiente e desenvolverse a través das disciplinas STEM. Deben contemplar, ademais estes obxectivos: promover o desenvolvemento de competencias, capacidades e aptitudes científicas e tecnolóxicas; fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía con accións que faciliten a aprendizaxe; e impulsar a participación activa de alumnado e profesorado.