Comarcas

@festivaldecans suma a súa programación a Rodrigo Sorogoyen e o Gran Wyoming

A Casa do Cid acolleu este martes a presentación da programación completa do Festival de Cans, cando quedan menos de 15 días para que arrinque esta 16ª edición.

Hoxe desvelouse unha das novas máis destacadas do programa: a visita do cineasta Rodrigo Sorogoyen, que participará no Coloquio no Espazo Estrella Galicia da Leira de Alicia.

O director madrileño chega a Cans para conversar sobre o seu cinema no ano da súa consagración logo de ter gañado os Goya á Mellor Dirección, á Mellor Película ou o Mellor Guión por ‘El reino’, e ser nominado aos Oscar pola curta ‘Madre’.

Esta peza poderá verse en Cans xunto con ‘Timecode’, de Juanjo Giménez, no Jalpón dos Oscar, unha sección especial que xuntará aos dous cineastas no Jalpón de Alicia.

A parte musical do Festival trae a visita doutra cara imprescindible no audiovisual español: o Gran Wyoming, que chega a Cans para celebrar os 10 anos da súa banda, para colocar a súa estrela no Torreiro e repasar a historia do rock acompañado por Los Insolventes.

‘Fillos e Fillas de Cans’

Durante a presentación o director do festival, Alfonso Pato, fixo especial fincapé na sección Fillas e fillos de Cans, na que cineastas con conexión co Festival ofrecen ao público o privilexio de ver imaxes inéditas dos seus filmes antes de estrealos.

Desta volta coñeceránse filmes como o documental de Beiras. ‘Vivir 2 veces’, de Jorge Coira, que chegará a Cans acompañado do político Xosé Manuel Beiras, protagonista do mesmo, ou ‘El Santa Isabel’, de Paula Cons.

Ese vínculo duradeiro que Cans constrúe con cada cineasta tamén se deixa ver, como subliñou Pato, na presenza na Sección Oficial a Concurso de vellas e vellos coñecidos do Festival como Sandra Sánchez, Fran X. Rodríguez, Pedro Sancho, David Fidalgo Omil ou Borja Santomé.

As caras familiares comparten protagonismo con figuras emerxentes do audiovisual galego, como as que representan na mesma competición directoras da xuventude de Nacho Ozores, Lucía Estévez, Noelia Muíño ou Aldara Pagán.

También te puede interesar