A seguridade e os pacientes son os eixos centrais do 13ºCongreso Galego de Radioloxía, que se celebrará o venres e sábado no Hospital Álvaro Cunqueiro.
Á reunión confirmaron asistencia 200 profesionais, dos que 115 serán radiólogos, 80 técnicos en radioloxía e algúns estudantes.
O presente e o futuro da radioloxía en Galicia abordarase desde distintos prismas, agrupados en cinco bloques, ademais das comunicacións orais. Haberá tamén un apartado específico, o sábado pola mañá, dirixido aos técnicos en radioloxía.
Cancro de mama e urxencias
As técnicas diagnósticas no cancro de mama centrará o primeiro dos bloques do congreso, mentres o segundo estará destinado aos tratamentos percutáneos de tumores hepáticos.
“No terceiro dos bloques debaterase sobre as urxencias, sobre todo nos casos de pacientes con politraumatismos, e a radioloxía intervencionista nos casos de ictus. Tamén haberá un apartado destinado ás urxencias pediátricas”, explica o doutor Xan Vieito, xefe do servizo de Radioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e membro do comité organizador do congreso.
No bloque destinado á análise do futuro da radioloxía haberá dous asuntos centrais. Por unha banda as novas tecnoloxías aplicadas a esta especialidade. Pola outra, a opinión e as propostas dos pacientes. Neste caso será unha representante do colectivo da Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama (ADICAM) a que realizará as súas achegas aos asistentes ao congreso.
Nas mesas redondas programadas haberá unha na que se analizará a relación da radioloxía coas demais áreas asistenciais, tanto clínicas como cirúrxicas.
En Vigo se fan 1.000 estudos radiolóxicos ao día
O servizo de Radioloxía da Área Sanitaria de Vigo realiza unha media superior aos 1.000 estudos radiolóxicos diarios, dos que un 33% son procedementos radiolóxicos complexos .
Os últimos datos revelan que anualmente efectúan 390.000 probas radiolóxicas, das que 51.000 son ecografías; 42.000 TCs (tomografía axial); 5.000 procedementos vascular-intervencionista; 10.000 estudos de mama; e 281.000 radioloxías simples, entre outras.
En canto aos recursos tecnolóxicos e humanos, no momento actual, o Complexo Hospitalario de Vigo dispón dun total de 57 salas de radioloxía – 10 salas de radioloxía convencionais; 10 de radioloxía dixital; 2 de telemando; 3 salas de radioloxía intervencionista; 3 salas de radioloxía vascular; 18 ecógrafos, 6 equipos de TC – atendidas por 50 radiólogos, 78 técnicos de radioloxía, 17 profesionais de enfermería, 27 celadores e 6 auxiliares administrativos.