Destacados Vigo al minuto

Sanidade afirma que 945 nenos por pediatra na Área de Vigo é un número que se axusta ao recomendado polas sociedades científicas

O Servizo Galego de Saúde asegura que “no momento actual, a área de Vigo conta con 73 médicos  dedicados á atención pediátrica nos centros de saúde, que atenden unha poboación infantil de 72.115 nenos e nenas de 0 a 14 anos”.

Esto supón que a  media de Tarxetas Sanitarias Individuais por especialista é de 945, “ratio que se axusta ao recomendado polas sociedades científicas e profesionais”.

Segundo o SERGAS, “o problema da área de Vigo –común ao resto de Galicia e de España- deriva da carencia absoluta de pediatras en desemprego no mercado laboral”.

Como consecuencia disto, non hai dispoñibilidade de especialistas para contratar e cubrir as ausencias dos pediatras titulares ante diversas situacións administrativas como Incapacidades Temporais, vacacións ou Dias de libre disposición.

Medidas postas en marcha

“O Servizo Galego de Saúde está a realizar un gran esforzo no desenvolvemento dun paquete de medidas que posibiliten dispoñer de máis pediatras: ampliouse a posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e estase a promover a captación de profesionais fóra de Galicia”.

Xunto con todo o anterior, engaden dende o SERGAS, o Goberno de Galicia solicitou ao Ministerio de Sanidade que aumentase o número de profesionais que permite formar, posto que, na nosa comunidade fórmanse cada ano o máximo número de especialistas posible coas 20 prazas acreditadas existentes e, aínda así, non hai especialistas dispoñibles nas listas de contratación.

Por último, Sanidade afirma que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior taxa de cobertura pediátrica nos centros de saúde, cercana ao 90%.

You may also like