A Deputación de Pontevedra vén de iniciar os trámites para asinar os convenios cos concellos que se van beneficiar dos proxectos xa aprobados para iluminación sustentable en Bens de Interese Cultural (BIC´s), iluminación exterior sostible e substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa.
Trátase de actuacións cun investimento de preto de 3 millóns de euros ás que poden sumarse, ata o momento, 34 concellos para iluminación exterior sostible, 7 que van alumear de xeito eficiente os seus Bens de Interese Cultural e 5 que instalarán novas caldeiras de biomasa para substituír as existentes de combustible non renovable.
2,43 millóns para aforo enerxético
Para os 34 concellos que van mellorar a súa iluminación e aforrar na súa factura enerxética destínanse 2,43 millóns de euros.
En concreto, con esta actuación vanse substituír máis de 6.100 puntos de luz que suporán un aforro enerxético medio dun 61% en Arbo, Baiona, Barro, Caldas, Cambados, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa.
LED en inmobles de Interese Cultural
Xunto a esta actuación está tamén a iniciativa para instalar luminarias LED que favorezan o aforro enerxético en BIC´s dos concellos de Baiona, Caldas, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Este proxecto supón un investimento de preto de 130.000€.
Substitución de caldeiras
No caso das substitución de caldeiras de combustible non renovable por outras de biomasa o investimento é de 416.213,97€ dirixido aos concellos de Caldas, A Guarda, Mondariz, Portas e Salvaterra.