O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, comprometeuse, durante un encontro aberto na parroquia de Cabral, en elevar a protección ambiental dos montes da cidade e do río Lagares para avanzar cara a unha “cidade moito máis verde”.
“Os nosos montes teñen que se converter nun verdadeiro parque periurbano, nese pulmón imprescindíbel e para iso comprometémonos a elevar a súa protección pero tamén a aumentar a implicación do Concello no seu mantemento e posta en valor”, explicou.
O Bloque reitera a súa oposición frontal ao desenvolvemento do proxecto de Porto Cabral. “Non imos permitir que se dedique nin un só metro cadrado do monte comunal para un pelotazo urbanístico e menos para poñer en marcha un novo macrocentro comercial cando temos a cidade xa saturada deste tipo de espazos”, afirmou comprometéndose a blindalo no próximo PXOM.
Doutra banda, o candidato do BNG quere impulsar unha ordenación dos montes “que permita o seu aproveitamento racional e sustentábel, produtivo, ambiental e tamén para o lecer e a práctica deportiva”. Outra das medidas que inclúen no seu programa é a de homologar os asadores e churrasqueiros dos parques forestais da cidade á normativa de seguridade e prevención de incendios.
Precisamente, en relación á defensa do monte vigués fronte a ameaza dos lumes forestais, Igrexas chamou a “aprender a lección do ano 2017” e a despregar un maior apoio municipal ás comunidades de montes. “Non pode ser que máis dun ano e medio despois, pola inacción da Xunta e do Concello, as comunidades sigan sen dispor dos medios necesarios para reforestar e para reforzar a súa capacidade de resposta fronte ao lume e sobre todo para despregar máis accións preventivas”, criticou.