O presidente do Goberno galego informou este mércores da convocatoria dunha nova edición dos programas integrados de emprego, “unha ferramenta que ofrece aos participantes formación, asesoramento e orientación laboral”.
Para tal fin, subliñou, destinarase entre 2019 e 2020 un orzamento de 10 millóns que poden solicitar tanto as administracións locais como as entidades sen ánimo de lucro. Un investimento a través do cal os beneficiarios recibirán 2.500€ por cada participante, mantendo o incremento de 100€ introducido o ano pasado, e no que se espera que participen 4.000 persoas desempregadas.
O presidente Feijóo explicou que, ao igual que acontecera en anteriores edicións, terán prioridade os concellos emprendedores, resérvanse 2 millóns de orzamento para plans específicos para mulleres, e primaranse os proxectos nos que se implique o tecido empresarial.
A actual convocatoria introducirá dúas novidades: incluirase o colectivo de persoas beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia (RISGA) e a formación estará dirixida á obtención, de polo menos, un certificado de profesionalidade.
A este respecto, Feijóo puntualizou que estes programas establecen como obxectivo a inserción laboral de como mínimo o 35% dos participantes. Aínda que a inserción media alcanza o 50%.