Vigo al minuto

@bngvigo esixe ao Goberno galego “a fin do abandono” da cidade

O concelleiro electo do BNG, Xabier P. Igrexas, esixiu “a fin da política de abandono de Vigo” que está a aplicar o Goberno galego. Igrexas dirixiu un escrito ao Delegado Territorial da Xunta en Vigo,urxindo unha rectificación e demandando que se atendan as necesidades da “principal cidade de Galicia”.

Pérez Igrexas criticou a dinámica de “confrontación partidista” na que están instalados os gobernos municipal e galego e que está a supor graves prexuízos para as viguesas e os vigueses. “Levamos anos demandando a fin desta lea inútil e hoxe o que lle dicimos a Núñez Feixóo é que o seu enfrontamento con Caballero non pode ser unha coartada para desatender as necesidades da principal cidade de Galicia”, explicou. O nacionalista demandou que o Goberno galego “exerza as súas competencias e responsabilidades”, lembrando que en Vigo viven máis de “300 mil galegas e galegos”.

O futuro edil instou o Partido Popular a “tomar boa nota dos resultados do 26M”, asegurando que o desplome electoral sen precedentes dos populares en Vigo supón unha “censura rotunda” ás súas políticas. “8 de cada 10 viguesas e vigueses colleron unha papeleta diferente da do PP e dos seus parceiros do tripartito reaccionario –en alusión a C’s e Vox–”, remachou.

“Atender o mandato democrático expresado nas urnas viguesas o pasado 26 de maio, esixe que a Xunta deixe de utilizar a permanente confrontación partidista co actual Goberno municipal, como coartada para non exercer as súas competencias e responsabilidades na principal urbe do noso País.”, explicítase na misiva dirixida ao delegado.

20 reivindicacións

O Bloque recolle un total de 20 cuestións urxentes relativas á cidade que precisan dunha viraxe de 180º na posición adoptada pola Xunta. Entre elas que salientan o transporte metropolitano, o instituto de Navia, o centro de saúde de Bouzas, a mellora da Atención Primaria, o aumento de prazas públicas de escolas infantís, residencias de maiores e pisos asistidos. As nacionalistas piden tamén compromisos en infraestruturas como o túnel de Xulián Estevez ou o alargamento do de Beiramar.

Tamén demandan apostar polo desenvolvemento de Peinador, dentro dun sistema aeroportuario galego coordinado, o estudo para poñer en marcha unha rede de tren de proximidade (cercanías) e o reforzo do transporte marítimo de Ría.

Cese do presidente do Porto

O BNG pide de maneira expresa a destitución do actual presidente da  Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, pola súa “nefasta xestión”, e paralizar calquera novo proxecto de recheo na Ría de Vigo. Por derradeiro, requiren unha maior implicación da administración galega na cuestión ambiental, cun Plan de Rexeneración da Ría de Vigo e o apoio ás Comunidades de Montes para recuperar as zonas afectadas polos lumes.

You may also like