O Dr. Emilio Couceiro de pé, acompañado polo Dr. López Ramón y Cajal/A tese doutoral do doutor Emilio Couceiro, xinecólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo sobre a técnica da Versión Cefálica Externa (VCE) acaba de obter a máxima cualificación académica, ‘sobresaliente cum laude’, tras a súa lectura ante o tribunal na Facultade de Medicina de Santiago.
O seu autor, baixo a dirección do doutor Carlos López Ramón y Cajal, analiza no seu traballo os resultados do procedemento para converter a posición podálica do feto (de nalgas) nunha presentación cefálica (de cabeza), máis favorable para o parto.
Así, durante os cinco anos de estudo, os investigadores observaron que a porcentaxe de éxito desta técnica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi dun 50,3%, “similar ás taxas observadas nos principais hospitais onde se practica esta técnica, pero co valor engadido de que dicha taxa acadouse nunha poboación cun elevado porcentaxe de primíparas (un 70% das nais incluídas no estudo), circunstancia que adoita asociarse a taxas de éxito moito máis baixas na meirande parte dos traballos publicados”-afirma o Dr. Couceiro.
Nesta tese se identificaron ata 6 factores pronósticos asociados a unha maior probabilidade de éxito no emprego da técnica VCE. “A combinación destes factores permitiunos deseñar un sistema de puntuación pronóstico cun valor predictivo cercano ao 80%. Sen embargo, isto non significa que aínda que se incumpra algún deses factores non se intente realizar a Versión, xa que é unha técnica que presenta unha taxa moi baixa de complicacións, tanto para a nai coma para o bebé. Ademais, os resultados do noso traballo mostran que a realización da versión non afecta ós resultados perinatais”-.
950 versións no CHUVI
O Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo leva realizadas, desde que comezou a aplicar a técnica hai 10 anos, un total de 950 versións –unhas 90 ou 100 anuais- sendo o primeiro hospital galego en incorporar este procedemento á carteira de servizos hospitalaria. Con este ritmo, probablemente se acadarán as 1.000 versións a principios do próximo ano. Nestes momentos, a porcentaxe actual de éxito da técnica está xa no 53,2%.