Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, interpelou esta mércores ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, respecto á falta de transparencia da Consellería en relación ás listas de espera non estruturais do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Solla cualificou esta situación de “habitual” pero “incomprensible” e preguntoulle ao conselleiro “teremos que recorrer á xustiza para que nos responda sobre os datos das listas de espera non estruturais?”.
A deputada volveu denunciar a falta de transparencia da Consellería de Sanidade respecto aos datos das listas de espera non estruturais e “do peche de até 900 camas este verán”. “A negativa constante do Goberno á hora de dar a coñecer o número de persoas existentes nas listas non estruturais pon en evidencia o intento por agochar unha realidade consecuencia das políticas de recortes e privatizacións nos servizos públicos”, sentenciou.
En relación ao peche de camas, a deputada sinalou que “a situación agrávase cando cada ano no Servizo Galego de Saúde pechan na tempada de estío centos de camas sen máis motivo que o suposto aforro e afirmación errónea de que no verán enferma menos a xente. Nada mais lonxe da realidade, durante os meses de verán a xente enferma igual, existindo picos de incidencia nas urxencias que chegan a producir colapsos como os acontecidos en anos anteriores”.