Coma todos os anos, Rede Social Galicia Sur , Coordinadora Galega de ONGD e a campaña Impórtanos organizan a mobilización do ‘Día Europeo do Comercio Xusto’.
Nesta ocasión o denominado “Espazo de Comercio Xusto e Economía Solidaria” uniuse á Festa da Alegría, organizada pola Asociación de Veciños do Calvario e o próximo sábado 15 de xuño, durante todo o día haberá postos de información e venta de produtos de comercio xusto, moda sostible e alternativas de consumo responsable.
A estas propostas súmanse ademais, varias actividades: obradoiros para nenas, nenos e adultos de creación de chapas, un xogo sobre a produción do cacao e outro obradoiro de tintado de camisetas durante a mañá do sábado.
Desfile de moda de Comercio Xusto e Moda Sostible a partir das 17:15 xusto na zona do Mercado, que amosará que, no ámbito da moda tamén é posible facer un consumo consciente e responsable, ben mercando roupa que respecte ás persoas e ao planeta, ben mercando roupa de segunda man pero,en todo caso, deixando de mercar o que non precisamos.
“Sobrevivir non é delito” baixo este título terá lugar unha palestra na que participará Lamine Bathily do Sindicato Popular de Vendedores Ambulantes de Barcelona para falar do top manta, da roupa legal feita por xente ilegal. Ademáis tamén haberá a proxección da curtametraxe Ker. Todo a partir das 19:00 no Centro Social Faisca da Rúa Toledo.