Vigo al minuto

@bngvigo fai ’20 propostas en positivo’ para os primeiros 100 días do novo Goberno local

O BNG de Vigo presentou este venres, apenas 24 horas do comezo dun novo mandato municipal, 20 “propostas en positivo” para os 100 primeiros días do novo Goberno local.

O concelleiro electo, Xabier P. Igrexas, explicou que “se trata de alternativas concretas para incidir en problemas e necesidades reais da veciñanza”.

Parque Muncipal de Vivenda

Igrexas salientou a proposta de que o Goberno municipal  demande e convenie a cesión de uso das vivendas baleiras das que é titular a Sareb (banco malo) e mais as entidades financeiras privadas que foron resgatadas con fondos públicos.

O obxectivo sería conformar con elas un ‘Parque Municipal de Vivenda Social’, unha media que o Bloque estima de “urxente necesidade” dado que “o primeiro dereito das veciñas e veciños de Vigo é o de habitar a cidade e para iso cómpre que haxa un esforzo real para garantir o dereito ao acceso a un ben imprescindíbel como é a vivenda”.

Novo Plan Xeral

O BNG tamén demanda, transparencia e participación das veciñas e veciños na elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, sublimando que  o “máximo consenso social e político vai garantir que Vigo dispoña dun PXOM que permita poñer en marcha un modelo de cidade racional, sustentábel e que poña o urbanismo ao servizo das persoas”.

Participación cidadá

Para fomentar unha “mellor democracia municipal” outra das 20 prioridades formuladas polo Bloque é a elaboración dun novo Regulamento de Participación Cidadá que faga que “escoitar ás viguesas e vigueses e ao tecido asociativo non sexa opcional”

Fin de Vitrasa e mellora da mobilidade

Para o novo concelleiro, é importante aproveitar a fin da concesión do servizo de autobús urbano para “revolucionar a mobilidade apostando decididamente por mellorar o servizo”. En concreto, demandan que se acometa unha reformulación a fondo do actual mapa de liñas, para conectar mellor toda a cidade e singularmente os barrios e parroquias, que asegure mellores frecuencias e que se reduza o prezo do billete.

Mellora Servizos Sociais, Nomalización, Violencia Machista

Outras das medidas que o BNG entende que deben impulsarse nos primeiros 100 días do novo Goberno municipal son a resolución do “colapso dos servizos sociais municipais e implementar unha renda social municipal”; poñer en marcha un plan de choque contra o desemprego xuvenil; crear tres novas escolas infantís municipais na cidade, avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta, despregar uns orzamentos participativos, son outras das medidas recollidas.

A fronte nacionalista tamén reclama o cumprimento estrito da ordenanza municipal de Normalización lingüística, a apertura do Centro de Arte Fotográfico de Vigo e a recuperación do MARCO como espazo expositivo de arte contemporánea. Urxen tamén a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos. En relación á cuestión ambiental as nacionalistas demandan a declaración de Vigo como cidade libre de eucaliptos, o rexeitamento a calquera proxecto de recheo na Ría e a elaboración dunha nova ordenanza de Protección e Benestar animal.

Por último, as 20 propostas inclúen tamén aumentar os recursos dedicados á atención das mulleres vítimas de violencia machista, a creación dun programa de atención e información do colectivo LGBT e impulsar, desde o diálogo e a cooperación, a posta en marcha da Área Metropolitana.

You may also like