A presidenta da Deputación e a escritora Ledicia Costas, xunto a deputadas e deputados provinciais, encabezou esta mañá a concentración “1000 nomes contra o machismo” na que se escoitaron os nomes das 1.000 mulleres asasinadas dende 2003 por mor da violencia machista.
No acto, no que Ledicia Costas leu un poema creado expresamente para a concentración, a presidenta estivo acompañada ademais da alcaldesa de Cambados e dos alcaldes de Ponte Caldelas, Vilaboa, Pazos de Borbén, A Illa de Arousa e Cuntis, así como concelleiras e concelleiros de Pontevedra, Vigo, Cerdedo-Cotobade, O Grove, Moraña, Poio, Forcarei, Barro, Caldas e Cangas, e funcionarias e funcionarios da Deputación provincial.
Carmela Silva asegurou que “hoxe non vou falar, hoxe falan estes nomes que están escoitando: os nomes de 1.000 mulleres asasinadas polo simple feito de ser mulleres, para que non se silencien, para que non queden no esquecemento, para que non pareza que isto é algo pasaxeiro”.
Silva salientou que “estes nomes están aí e sempre, na memoria, falando alto claro contra as violencias machistas e contra un sistema machista que asasina ás mulleres polo mero feito de ser mulleres”. Tamén tivo palabras a presidenta para Ledicia Costas, “quen falou no nome de todas as mulleres, das que estamos aquí e de todas as que estamos comprometidas con construír outro mundo”.
🔴 #EnDirecto @carmelasilva e o Goberno da @depo_es despregan as lonas '1000 nomes contra o #machismo' https://t.co/cnUm7Hmign
— Deputación Pontevedra (@depo_es) June 17, 2019
A escritora incidiu no motivo da concentración destacando que “estamos aquí para denunciar o machismo asasino, para tomar conciencia de que cada vez que alguén nega a existencia desta barbarie, ou cada vez que alguén cuestiona o feminismo, está lexitimando os maltratadores”.
Neste eido, Costas sinalou o que cualificou coma “lamentable espectáculo daqueles partidos políticos que negan a existencia da violencia machista para conseguir votos do xeito máis miserable; partidos que cuestionan os minutos de silencio polas mulleres asasinadas e se retiran das pancartas institucionais que denuncian esta lacra”.
Por elo a escritora reivindicou a necesidade “do apoio completo dos gobernos” e dunha revolución feminista antes de rematar coa lectura dun poema creado para a concentración.