O Ministerio de Sanidada autoriza ao CHUVi a formar a un total de 7 residentes de Pediatría en 10 centros de saúde da Área Sanitaria
O servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) acadou que o Ministerio de Sanidade incrementase a súa capacidade docente coa acreditación dun total de 7 prazas de residentes e 10 centros de saúde docentes, de cara a próxima convocatoria MIR 2020.
O goberno do Estado ven de publicar unha resolución na que se autoriza o incremento de 3 novas prazas acreditadas para a formación de especialistas en pediatría no Complexo vigués, pasando das 4 actuais a 7; ademais das 4 prazas de residentes en enfermaría pediátrica (EIR).
Neste resolución especifícase tamén a autorización para incorporar á Unidade Docente Multiprofesional de pediatría, como dispositivos docentes asociados, aos centros de saúde de Teis e de Mos.
En total son 10 os centros de atención primaria acreditados para ofrecer esta formación , xa que estos dos novos veñen a sumarse aos que xa viñan desenvolvendo esta actividade: rúa Cuba, Matamá, Pintor Colmeiro, Sárdoma, Porriño, Val Miñor, Gondomar e Redondela.
O xefe do servizo de Pediatría, José R. Fernández Lorenzo, manifesta a súa satisfacción con esta resolución “xa que é un recoñecemento da nosa capacidade docente e dos nosos resultados asistenciais, e representa unha oportunidade para posicionarnos como referencia nesta formación especializada, dado que somos o centro sanitario galego con maior número de residentes nesta especialidade”-.
Maior poboación infantil de Galicia
A área sanitaria viguesa atende á maior poboación infantil de Galicia, a 72.115 nenos e nenas de 0 a 14 anos, o que xenera un gran volume de actividade.
“A autorización ministerial suporá unha maior dispoñibilidade de especialistas – en catro anos contarase con 28 novos pediatras – o que contribuirá a facilitar as coberturas a curto e medio prazo e minimizar o impacto producido pola absoluta carencia actual no mercado laboral de pediatras en desemprego”, sinalan dende a Área Sanitaria de Vigo. “O paro cero nesta especialidade está xerando dificultades en toda España á hora de cubrir prazas e ausencias dos titulares”.
Cobertura pediátrica do 88%
Dende o Servizo Galego de Saúde saliéntase que a solicitude de novas prazas MIR enmárcanse no conxunto de actuacións que Servizo Galego de Saúde está desenvolvendo para poder dispoñer de máis pediatras: ampliouse a posibilidade de xubilación ata os 68 anos, e estase a promover a captación de profesionais fóra de Galicia.