Logo de que o Goberno local decidise rescatar a concesión do Camaleón en Samil, o BNG valorou positivamente esta medida logo da cal demanda “audacia e determinación para acometer a rexeneración integral da praia e a recuperación do seu sistema dunar”.
O concelleiro Xabier P.Igrexas defende, tal e como sosteñen as expertas a nivel de enxeñería como na cuestión ambiental, que “esa rexeneración pasa necesariamente por como mínimo duplicar a faixa do areal de Samil”.
Para que sexa posible será necesario “retranquear a actual liña de paseo e de servizos para levalos máis atrás, pero tamén repensar e racionalizar a cantidade de dotacións e servizos que podemos instalar en primeirisima liña de praia”.
Proxecto de rexeneración integral
O Bloque coincide en que a necesidade de actuar en Samil, “é unha tarefa histórica que temos como cidade, pero o que ten que facer o Goberno é poñer en marcha medidas concretas, e a primeira é encomendar a elaboración dun proxecto para a rexeneración integral da praia”.
Igrexas demanda un proxecto que vaia alén de actuacións isoladas ou medidas parciais senón que recolla unha actuación completa para “reverter as agresións paisaxísticas e ambientais que supuxeron algunhas actuacións hai varias décadas”.
O Bloque inscribe a necesaria rexeneración de Samil nunha estratexia para reconciliar a cidade co seu medio natural e na que ten unha grande importancia a recuperación e posta en valor do conxunto da faixa litoral.