O Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) levará a cabo esta semana unha campaña no Meixoeiro para detectar posibles melanomas e revisar o estado dos lunares. Súmase así á iniciativa a nivel nacional Euromelanoma 2019.
A tal fin, a Unidade de Melanoma, que está a cargo da dermatóloga Celia Posada, reservou os días 25, 26 e 27 de xuño -martes, mércores e xoves-para levar a cabo estas “consultas de cribado” abertas á cidadanía, nas que se informará a quen acuda sobre o cancro de pel e revisaranse os lunares, a fin de mantelos controlados no futuro.
Os cidadáns que desexen acudir a estas consultas deberán inscribirse previamente na dirección de correo electrónico [email protected]. Serán na planta 1ª do Hospital do Meixoeiro, na que está situada a Unidade e o propio Servizo de Dermatoloxía, que dirixe o doutor Ander Zulaica. O horario, durante os tres días, será de 9 a 13 horas.
O melanoma é un dos dez tipos de cancro máis frecuentes, pero tamén é un dos menos complicados de previr. O aconsellable é que a propia persoa vixíe periodicamente a evolución dos lunares que ten no seu corpo e se se produce algún de variación nalgún deles póñase en contacto co seu facultativo.
50 diagnósticos ao ano
A Unidade de Melanoma do CHUVI diagnostica cada ano entre 35 e 50 melanomas. Unha cifra que aumentou lixeiramente. O cambio de hábitos de fotoexposición nos últimos anos é unha causa, entre outras, do aumento do cancro de pel.
A vía rápida para pacientes con sospeita de melanoma atendeu o ano pasado a uns 290 pacientes, a maioría procedentes das consultas de Atención Primaria.
“Observamos que o número de casos mantense máis ou menos estable entre os a xente xoven e nos individuos de idade adulta. Pero si se detectou un incremento entre a poboación de máis de 65 anos”, explica a doutora Posada. Por ese motivo, a campaña de Euromelanoma 2019 diríxese sobre todo a ese segmento de poboación.
Prevención
Para a prevención do melanoma os especialistas aconsellan protexerse adecuadamente do sol, sobre todo nos meses de verán, xa que a exposición solar da pel é o principal desencadeamento deste tipo de cancro.