O BNG de Vigo vén de demandar do Concello que poña en marcha, con carácter inmediato, medidas de redución do consumo de auga.
O concelleiro Xabier P. Igrexas insta a que se restrinxa o regadío das zonas de axardinamento público, o funcionamento das fontes ornamentais e que se aplique o acordo plenario que mandata que non se pode seguir baldeando rúas da cidade para labores de limpeza con “auga potábel da traída”.
Igrexas xustifica a necesidade de aforro para evitar que a cidade volva entrar en situación de prealerta ou alerta por seca como sucedeu nos últimos veráns. Neste sentido, o edil do Bloque lembra que as series históricas recollen que é a partir da semana 30, que coincide coa última semana do mes de xullo, cando por causa da falla de precipitacións comeza a caída na capacidade dos embalses.
Modificación do recibo
Por último, defendendo que a auga é un ben público pero tamén un ben esencial e limitado, o concelleiro do BNG reiterou a necesidade de modificar o actual sistema tarifario. “Temos que modificar o recibo da auga, para evitar pagar por unha auga que non se consume, pero tamén para estimular o aforro e, en todo caso, penalizar os grandes consumidores”, defendeu, aludindo ao tramo mínimo actualmente vixente de 30 metros cúbicos.