Galicia

O persoal da Xunta era de 87.315 persoas a principio deste ano

O DOG publica a oferta de emprego público da Xunta con 702 prazas de acceso libre

O persoal da Xunta de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 medrou ata os 87.315 efectivos, o que supón un incremento de 320 empregados públicos en comparación coa mesma data de 2018.

Segundo informa o Goberno galego, esta cifra non coincide cos datos publicados este luns polo Ministerio de Política Territorial, no Boletín do Rexistro Central de Persoal, dado que este boletín non computa desde 2016 o persoal funcionario docente en período de prácticas logo de superar a correspondente oposición. “Por esta razón, as cifras referentes a Galicia non permiten realizar comparativas homoxéneas con anos anteriores”.

O maior volume de empregados públicos concéntrase na área de institucións sanitarias. O  persoal na sanidade pública é de 35.136 persoas, “cun incremento de 592 traballadores respecto a un ano antes”.

No ensino, os datos da Xunta mostran que “o cadro de persoal nos centros educativos mantense totalmente estable, xa que a diminución de efectivos é inferior ao 0,2%”, chegando ás 33.877 persoas; o persoal das consellerías está integrado por 15.491 profesionais e o da Administración de Xustiza por 2.811.

You may also like