O Bloque Nacionalista Galego, vén e denunciar, recollendo as denuncias veciñais, o abandono do parque da Bouza.
Xabier P.Igrexas, concelleiro do Bloque instou ao Goberno municipal a actuar xa ante a falla de mantemento e limpeza do parque, con existencia de lixo, sen papeleiras, pólas de árbores rotas, cristais preto da área de xogo de cativos e, o que é “aínda moito máis grave: a presenza de ratas e ratos no parque”.
“Temos un Goberno municipal afeito a prometer novas actuacións, a deslumbrar con infografías, a ocupar titulares con anuncios de novos proxectos, pero desde logo o que brilla pola súa ausencia é o mantemento, a atención, a limpeza e o bo estado de espazos como o parque da Bouza”, sinala o concelleiro do BNG.
Igrexas considera o parque da Bouza “un espazo privilexiado” e lembrou que foi unha “grande conquista veciñal para ese barrio, cunha valiosa zona verde co seu humidal, e cun espazo de esparcemento, que o configura como un grande pulmón verde para a súa contorna”.