O Concello de Salceda iniciará nestes días as obras da primeira fase do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais de Penedo Redondo, ubicadas na parroquia de Parderrubias.
Nesta primeira fase contémplase a construción dunha sala de usos múltiples á que se accederá dende a fachada sur do edificio actual, na que se contará con un vestiario. Ademais crearase unha cantina con acceso dende o lateral do propio campo, xerando así percorridos diferenciados para espectadores e xogadores .
Por último, prevese a construción dunha pérgola metálica con cobertura de brezo para crear unha zona de sombra. O proxecto, cun orzamento de 87.688,13 €, executarase con cargo ao Plan Concellos 2018/2019.
O campo de fútbol do Penedo Redondo, construído no ano 2010, acolle aos máis de 250 nenos e nenas das Escolas de Fútbol Denis Suárez, a Sociedade Deportiva de Parderrubias (equipos A e B), o equipo de fútbol 8 femenino das Escolas Deportivas de Salceda e o equipo de Veteranos do Caselas, así como os adestramentos do propio Caselas F. C.
Rubén González, concelleiro de Deportes, Verónica Tourón, tenente de Alcalde e Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, visitaron as instalacións xunto cos encargados da empresa adxudicataria para coñecer de primeira man os últimos preparativos de cara ao comezo da obra, que terá lugar nos vindeiros días.