Ciencia y Tecnología Galicia

@bngvigo esixe á Xunta que actúe ante os “recortes sanitarios” ordenados pola dirección de Povisa

Perante a denuncia pública da existencia dunha circular remitida pola dirección da clínica privada Povisa aos seus Xefes de Servizo na que “se mandataba literalmente reducir todas as actuación (consultas, probas, intervencións…) en doentes SERGAS que non lles aporten ningún valor engadido” e, en segundo lugar, “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”, o BNG esixiu queo Goberno de Galicia actúe para evitar que eses recortes se apliquen comprometendo a atención sanitaria das case 140 mil persoas adscritas ao concerto especial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) con ese centro privado.

“Graves deficiencias de funcionamento”

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e mais a deputada responsábel de Sanidade da formación nacionalista no Parlamento de Galicia, Montse Prado, mantiveron un encontro con representantes do Comité de Empresa de Povisa. No mesmo ambas as partes partillaron a “alarma e enorme preocupación que provocou a citada circular”, e volveron constatar as “graves deficiencias no funcionamento do centro médico” pola falla de persoal onde “máis do 50% do seu persoal sanitario ten xornadas parciais por imposición da empresa”, comprometendo o bo funcionamento dos servizos e deixando faixas horarias sen apenas persoal.

Duplo recorte sanitario en Vigo

“Na área sanitaria de Vigo padecemos un duplo recorte sanitario, do que é responsábel por acción e por omisión o Partido Popular. Primeiro, por termos un hospital Álvaro Cunqueiro privatizado, recortado e sen as prestacións sanitarias necesarias. E agora tamén, coa constatacion de algo que desde o BNG levamos moito tempo a denunciar, que é que as pacientes adscritas a Povisa son ‘pacientes de segunda’ que non teñen os mesmos dereitos nin atencións que reciben os pacientes dos centros públicos“, denunciou Igrexas.

“As máis de 136 mil persoas, entre elas moitos millares de viguesas e vigueses, que están adscritas a Povisa merecen a mesma atención sanitaria que o conxunto da sanidade pública”, reclamou.

“Silencio cómplice do PSOE”

O portavoz municipal do BNG criticou tamén o “silencio clamoroso do PSOE” nesta cuestión, e especialmente no caso do Goberno municipal e do seu alcalde.

“Vemos como cada vez que falamos dos problemas de Povisa, cada vez que desde o BNG denunciamos este modelo privatizador que desde logo vai en detrimento da atención sanitaria e que xoga coa saúde das viguesas e vigueses, o Partido Popular é o primeiro responsábel pero que ten tamén cómplices como se demostra co silencio do PSOE que sistematicamente decide poñerse de perfil”, reprochou o edil nacionalista.

You may also like