O BNG de Vigo volveu demandar que a Xunta a rescate a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro para que o centro médico sexa “cento por cento público”.
“O Bloque denunciamos sempre que o modelo privatizador e recortado que impuxo o PP para o novo hospital de Vigo non só comprometía a atención sanitaria senón que ademais era un modelo ruinoso”, lembrou o concelleiro Xabier P. Igrexas, quen subliñou que o custe total desta infraestrutura sanitaria será de máis de 1.400 millóns de euros ao remate da súa concesión: o triplo dos 450 millóns estimados no proxecto público desbotado polo Partido Popular.
Igrexas rexeita de plano a pretensión da concesionaria privada de aumentar inda máis os ingresos públicos que recibe. “A UTE ingresou o ano pasado máis de 75 millóns de euros e vemos como agora se demanda inda máis diñeiro público para seguir a engordar a súa conta de resultados, falando de que o Sergas lle ten que compensar que, presuntamente, serve menos menús dos previstos, a rebaixa dos prezos da cafetaría ou as prazas de aparcamento gratuíto para os e as traballadoras do hospital”, denunciou.
“Na área sanitaria de Vigo, a política privatizadora do Partido Popular supón que cada ano esteamos a destinar case 150 millóns de euros ao ano para dúas grandes empresas privadas, como son a UTE do Álvaro Cunqueiro e o concerto especial con Povisa”, resumiu o portavoz nacionalista.
Igrexas cualificou de “modelo fracasado e rotundamente ruinoso” a política sanitaria da Xunta de Feixóo e criticou que “non só non mellora a atención sanitaria, senón que a comprometen con recortes por converter a sanidade que é un servizo público, un dereito universal que debera ser gratuíto nun negocio privado”.