Vigo al minuto

#Emprego O 90% dos novos contratos do segundo trimestre de 2019 en Galicia son temporais e o 74% asinados por homes

Dacordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EP) o dato de ocupación e o peor dos últimos anos

O segundo trimestre do ano rematou en Galicia con 18.600 persoas ocupadas máis que no trimestre anterior e con 13.500 paradas menos. Dacodo cos datos da Enquisa de Poboación Activa, é o peor dato de ocupación dos últimos anos, xa que esta medrara en 25.700 no mesmo período de 2018.

A este feito hai que sumar que o 90% dos novos contratos laborais tiveron carácter temporal e foron asinados por homes (74,2%).

Desde a CIG subliñan que atopámonos diante dunha tendencia positiva propia deste período ao incluír parte das contratacións da época estival. As características do emprego creado tamén marcan unha tendencia continuísta, xa que “os postos de traballo foron maioritariamente por conta allea, é dicir, asalariadas no 60% dos casos, e de carácter temporal -91% das novas persoas asalariadas-“.

Servizos

O medre da ocupación afectou en maior medida ao sector servizos -7.100 ocupados máis- e á industria, con 5.800 novas contratacións; aínda que todos os sectores rexistraron unha evolución positiva.

Dous de cada tres empregos para homes

No que atinxe ao sexo, a maioría do emprego creado foi entre os homes (74,2%), “o que provoca que volva medrar a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina. “Nas etapas de destrución de emprego as taxas equiparáronse, chegando incluso a masculina a superar a feminina, pero cando o emprego se recupera minimamente volven aumentar as diferenzas”, o que para a CIG amosa o papel secundario que as mulleres continúan a ter no mercado laboral. A taxa de paro situouse neste período no 11,3%: a dos homes baixou até o 10,7% e a das mulleres continúa no 12%.

O medre da ocupación tamén mellorou a situación dalgúns fogares que contaban con todos os seus membros no paro. Con todo, rexístrase un número moi elevado de fogares (52.200) con algún membro activo no que todos están parados (trimestre anterior eran 55.000).

Para a central nacionalista, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre de 2019 amosan a continuidade da tendencia xa coñecida: medre da ocupación de carácter estacional e polo tanto temporal.

Ao mesmo tempo, reflicten que o incremento do Salario Mínimo (SMI) non provocou un aumento da destrución de emprego, polo que dende a CIG consideran “necesario afondar neste sentido e apostan pola derrogación das reformas laborais que están detrás da crecente precarización do emprego”.

You may also like