Cultura

Xullo foi, en Galicia, un mes cálido e algo seco

A primeira parte do verán estivo marcada en Galicia por unha gran variabilidade desde o punto de vista meteorolóxico, unha situación que, sen embargo, non impediu que xullo acabase sendo un mes cálido e lixeiramente seco.

Estas son as principais conclusións do resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos valores medios das estacións representativas durante o período climático de referencia 1981-2010.

A principal explicación hai que buscala en que as zonas de aire frío no Atlántico continuaron baixando máis ao sur do habitual durante o mes de xullo. Esta situación impediu que Galicia e o norte da península en xeral quedasen baixo a influencia das altas presións, así como os longos períodos de estabilidade propios desta época do ano.

Esta variabilidade meteorolóxica, en todo caso, non se reflectiu nos valores medios das temperaturas, que foron cálidos, nin tampouco na chuvia acumulada, lixeiramente por debaixo do habitual.

Por todo isto, xullo resultou en xeral un mes cálido pero con grandes contrastes entre o litoral e o interior da comunidade. Así, na comarca do Baixo Miño e no Miño ourensá acadáronse as temperaturas medias máis altas, con ata 2 graos por riba dos valores do período climático de referencia, mentres en zonas como A Costa da Morte os termómetros mesmo quedaron por debaixo do habitual.

No conxunto de Galicia, a anomalía media das temperaturas situouse 0,69 graos por riba das medias do período 1981-2010.

También te puede interesar