A delegada da Xunta en Vigo asegurou este mércores que o Goberno de Galicia, a través da Consellería de Educación, ten activadas inversións por valor de 1,6 millóns de euros en obras e reformas de 16 centros educativos de primaria e secundaria na cidade.
Corina Porro, quen anunciou, de novo,a rehabilitación integral do CEIP García Barbón, cun investimento de 752.000€, indicou, xa polo miúdo, que varias obras noutros centros están xa rematadas-como no caso do CEIP Ramón y Cajal (18.000 euros), CEIP Vicente Risco (45.000 euros), CEIP Párroco Don Camilo (60.000 euros), CEIP Otero Pedraio (60.000 euros) e IES Carlos Casares (33.313 euros)- ou en execución, como o propio CEIP García Barbón (752.416 euros), CEIP Santa Mariña (112.517 euros) e CEIP San Salvador de Teis (120.605 euros).
A estas actuacións hai que engadir os cambios de fontanería que se acometerán nos vindeiros meses en outros cinco centros vigueses, e que superan os 180.000 euros. Trátase do CEIP Carballal Cabral, CEIP Mosteiro Bembrive, CEIP A Paz Tintureira, CEIP O Pombal e CEIP San Salvador de Teis.
Asemade, a representante autonómica anunciou o inminente inicio do cambio da cuberta no IES Politécnico cun investimento que acada os 141.000 euros; a reconstrución do muro do CEIP Lope de Vega (20.000 euros) e os aseos infantís proxectados no CEIP Josefa Alonso de Alonso (20.000 euros).
En resumo, dixo Corina Porro, 1,6 millóns de euros en obras e reformas coincidindo co período non lectivo, de xeito que a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade estarán rematadas no comezo do curso.
Rehabilitación CEIP García Barbón
Tal e como sinalou Corina Porro a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de adxudicar por un importe que supera os 752.000 euros a rehabilitación integral do CEIP García Barbón. En conxunto nove actuacións que afectan ao edificio central e outras tres ao ximnasio.
En canto a edificio principal, informou que se substituirá a carpintería e vidrería exterior, co obxectivo mellorar o illamento e a permeabilidade ao aire, principalmente na fachada posterior e os aseos; se cambiará a cuberta de tella por un panel de aceiro con illamento; se instalarán dúas caldeiras de biomasa e se cambiaran as luminarias actuais por equipos LED, coa consecuente diminución da demanda enerxética e incremento do confort do edificio.
Así mesmo, dotarase ao centro dunha rampla accesible e un ascensor eléctrico. Respecto ao ximnasio, substituirase a cuberta de toda a edificación, illarase perimetralmente todo o interior da pista deportiva e instalaranse tamén equipos LED.
“Vigo o concello de Galicia con máis investimentos” en educación por parte da Xunta
“Estamos a falar dun importante volume de recursos públicos destinados a un área que é prioritaria para este goberno, a educativa, e que vén a confirmar o compromiso da Xunta de Galicia con Vigo”, sinalou Corina Porro.
A delegada sinalou que os 22 millóns destinados desde o 2009 aos distintos centros vigueses converten a Vigo no concello de Galicia con maior investimento neste ámbito.