A Concellería de Cultura promove o programa cultural “A Noite Branca”, que se desenvolverá este venres, día 9 de agosto, dende as 20:00 ás 02:00 h.
Esta iniciativa, que comezou hai 7 anos, ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade á vez que desenvolve unha manchea de actividades nos centros que forman parte da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo (Pazo-Museo “Quiñones de León”, Verbum-Casa das Palabras, Pinacoteca “Francisco Fernández del Riego”, Casa Galega da Cultura, Casa das Artes, MARCO-Museo de arte contemporánea de Vigo); todo nun horario amplo, procurando maiores atractivos para a cidadanía viguesa e para as persoas que visitan a cidade nestas datas.
Ao igual que no ano anterior, súmanse a esta iniciativa os xacementos arqueolóxicos do Castro e o Centro de Interpretación do Mundo Romano (Toralla), dependentes da Concellería de Patrimonio Histórico, a “Sede Afundación Vigo” (a través do centro Naturnova) e o Museo do Mar de Galicia (incluindo nesta edición “Salinae. Centro arqueolóxico do Areal”).
Concertos, obradoiros e actividades
Baixo o prisma de vinculación entre os espazos e as intervencións musicais, nesta edición tanto a cidadanía como as persoas que nos visitan nestas datas, poderán gozar de concertos en espazos como a Casa das Artes, o Xacemento Arqueolóxico do Castro, o Museo “Quiñones de León”, os xardíns históricos de Castrelos ou o Verbum; ademais, haberá propostas musicais ao aire libre na rúa do Príncipe, arredor do Marco, e na praza da Princesa.
Visitas guiadas, obradoiros participativos, interactividade, concertos, exposicións e a ampliación do horario co fin de potenciar, tanto nos equipamentos do centro da cidade coma na periferia, o desenvolvemento de actividades para todo tipo de público relacionadas coas coleccións e as exposicións.
En total serán máis de 40 visitas guiadas convencionais, lúdicas, con representacións, obradoiros; unha ducia de concertos musicais; 12 puntos de actividade, con ampliación de aperturas, exposicións permanentes e exposicións temporais.
Verbum en Samil
Ademais, na planta baixa do Verbum terá lugar o programa “Verbum creativo. Laboratorio artístico”, concebido como un espazo de sensibilización, experimentación e creación a partir das capacidades de artistas de distintas disciplinas, facendo tamén partícipes aos asistentes nas distintas fases creativas das súas obras.
Pensado para toda a familia, contará coa artista Iria Vázquez, que animará ao público a crear un mural pictórico co mar como protagonista; Sabela Cereijo, unha oportunidade para ser parte dunha formación a capella; os músicos do colectivo Sulxeitos, que convertirán aos asistentes en compositores musicais nunha instalación sonora; e Nuria Carballido, coreógrafa que nos invita a ser parte dunha peza coreográfica sinxela e divertida para todas as idades. Todo entre as 20:00 e ás 22:30 horas.
Cambios pola previsión meteorolóxica
Dada a previsión metereolóxica actual para esta noite, trasládanse os concertos previstos ao aire libre na programación da Noite Branca, quedando como sigue:
Pinacoteca Francisco Fernández del Riego
21:00 h: MARGARIDA MARINO (prevista inicialmente no xacemento do Castro)
22:00 h: DARÍO ROCHA
24:00 h: PATRICIA MOON (prevista inicialmente na praza da Princesa)
Salón de Actos do MARCO
23:00 h: LA CHATA SOUL (prevista inicialmente na rúa do Príncipe)
01:00 h: ELEPHANT YARD (prevista inicialmente na rúa do Príncipe)
Salón de Actos do Verbum
23:00 h: TWO IN THE MIRROR (prevista inicialmente na terraza do Verbum).