Unha vintena de mozos e mozas traballarán en organizacións non gobernamentais da provincia de Pontevedra dentro do programa de fomento da empregabilidade “O Teu Primeiro Emprego”.
O mesmo, impulsado pola Deputación de Pontevedra busca facilitar que a mocidade con título universitario ou de FP “poida acceder a un primeiro emprego cun contrato en prácticas e, polo tanto, non teña que emigrar como tristemente segue a acontecer coa poboación nova”, como sinalou a súa presidenta.
Carmela Silva anunciou este venres a aprobación, polo Goberno da Deputación, das 17 entidades colaboradoras seleccionadas (ao programa se presentaran un total de trinta) para participar no mesmo, así como das bases que rexerán agora as contratacións doutras tantas persoas beneficiarias.
As ONG participantes desenvolven a súa actividade en Vigo (6), A Guarda (2), Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Nigrán, Vilagarcía, Redondela, Tomiño, Cangas e Moaña.
Dos 17 contratos previstos, 12 serán para persoas con titulación universitaria e os 5 restantes para persoas tituladas en ciclos superiores de Formación Profesional.
No primeiro caso, os perfís que se seleccionarán son de persoas diplomadas ou graduadas en Logopedia, Educación Social, Psicoloxía, Terapia Ocupacional, Fisioterapia e Educación Primaria, mentres que nos ciclos superiores de FP, as prácticas están dirixidas a persoas tituladas en Animación Sociocultural e Turísticas, Administración e Finanzas, Mediación Comunicativa e Integración Social.
“As entidades seleccionadas prestan servizos para mellorar a situación das persoas que teñen máis vulnerabilidade”, indicou Silva, quen tamén referiu que as axudas da Deputación neste programa das ONG suman 100.000€.
Novo programa que ven a substituir ao de Práctica Laboral
Como lembrou a presidenta, a Deputación puxo en marcha este ano o plan ‘O Teu Primeiro Emprego’, que ven a substituír as bolsas do antigo Plan de Práctica Laboral, por contratos en prácticas con máis garantías e dereitos, e que está estruturado en catro programas independentes: O Teu Primeiro Emprego na Deputación de Pontevedra; O Teu Primeiro Emprego nos Concellos (de menos de 50.000 habitantes); O Teu Primeiro Emprego nas Empresas e Corporacións Sectoriais e O Teu Primeiro Emprego en Organizacións Non Gobernamentais.
Silva salientou que, no primeiro caso, xa hai 33 contratos, coas prazas xa concedidas e cuxas persoas beneficiarias están a traballar na institución provincial, mentres que o programa nos Concellos os 44 titulados e tituladas están en fase de contratación e os municipios teñen de prazo ata setembro. Por outra banda, no programa coas empresas e corporacións estanse a baremar as máis de 200 solicitudes recibidas.