Dende o Bloque advirten de que nas obras traballan 2 ou 3 operarios e ás veces “aínda menos”
O BNG vén de manifestar a súa “enorme preocupación” pola situación derivada das obras na Gran Vía, iniciadas hai poucas semanas. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou a “escasa presenza de persoal traballando nas obras e a conxestión de tráfico” polas rúas adxacentes.
“Estamos vendo como nas obras hai en moitos momentos apenas 2 ou 3 operarios traballando e ás veces ainda menos”, advertiu. Á vista desta situación o Bloque demanda ao Concello que “supervise o desenvolvemento das obras para asegurar o cumprimento de prego de condicións” e que a empresa adxudicataria conta co persoal necesario para realizalas “en tempo e forma”.
O concelleiro do Bloque referiuse ás “crecentes queixas cidadás” a respeito dos efectos que o corte da Gran Vía está a producir. Nese sentido, afirmou, as rúas adxacentes padecen unha grave conxestión, con retencións fóra de horas punta. “Se en agosto o tráfico está así, co inicio do curso que provocará máis desprazamentos en coche e máis buses, a situación pode tornarse caótica”, alertou.
Igrexas demanda que o Goberno municipal se poña “desde xa” a preparar un plan de continxencia para evitar o caos circulatorio a partir de setembro, despois de comprobar que a actual reordenación do tráfico non funciona.