141 anos despois da súa primeira visita á cidade, a espectacular réplica do Saint Michel II, chegará desde o porto de Pornic, próximo a Nantes, para permanecer en Vigo os días 14, 15 e 16 de agosto.
Trátase dun buque construído seguindo fielmente os planos orixinais da nave encargados polo escritor francés en 1876. Os artífices desta recreación son os membros da asociación náutica ‘Cale 2 l’île’, que fan ata Galicia a primeira viaxe internacional do iate.
O Saint Michel II vén acompañado por outros buques franceses nunha regata organizada polo Yacht Club de France.
O mércores, día 14, teñen prevista unha charla no Liceo de Bouzas co título ‘Jules Verne e o mar’, á que seguirá a proxección, aberta ao público en xeral, da película ‘20.000 leguas de viaxe submarina’, o clásico de 1957 protagonizado por Kirk Douglas e James Mason. A película estará proxectada sobre a vela maior do buque.
O xoves, día 15, os preto de 70 participantes na regata, incluíndo a tripulación do Saint Michel II, farán unha visita pola cidade seguindo os pasos das visitas de Jules Verne en 1878 e 1884.
O barco co que Jules Verne navegou ata Vigo
‘Saint Michel II’ foi o segundo barco de Jules Verne. O primeiro foi un antigo pesqueiro do porto de Le Crotoy que reconverteu en iate. Apenas medía 9 metros de eslora, pero percorreu con el a costa francesa. E, a bordo, escribiu a súa novela Vinte mil leguas de viaxe submarina e o capítulo A baía de Vigo.
O segundo barco e este Saint Michel II, que encargou nos estaleiros Abel Le Marchand en Le Havre. Tiña 19 toneladas, con 13 metros de eslora. No busque escribiu capítulos de ‘Miguel Strogoff’.
Finalmente, en 1878, estreou o Saint Michel III, que foi co que chegou a Vigo aquel ano, para repetir visita en 1884.
Os membros da Sociedade Jules Verne de Vigo recibirán aos tripulantes do Saint Michel II á súa chegada a Vigo, nun acto o mércores ás 6 da tarde a bordo do propio iate no pantalán de Bouzas, e participarán en diversas actividades, nunha visita tan especial para salientar a estreita relación entre Verne e a nosa cidade.