O alcalde de Arbo reuniuse este martes pasado en Madrid co Secretario de Estado de Enerxía, José Dominguez, para coñecer o estado do trazado da liña de alta tensión que pasa pola vila.
Durante a reunión, o Secretario de Estado de Enerxía informou ao alcalde que REE presentou un trazado alternativo, cruzando o Río Miño por un corredor máis despexado e afastado do núcleo urbano de Arbo.
Horacio Gil coñeceu de primeira man os detalles deste trazado alternativo proposto por REE, do tramo final da Linea a 400KW Fronteira-Portuguesa que modifica o punto de cruce sobre o río Miño.
O alcalde convocou este mércores, no Concello, á Asociación de afectados pola liña de alta tensión así como ao portavoz do Grupo Agrelar, para informarlles sobre a reunión de Madrid.
Gil lembra que “esta reunión solicitárase no mes de xullo, e as novas son produto do esforzo e o traballo realizado nos últimos anos”. Segundo o alcalde, hai un contacto continuo entre o Concello e o Goberno de Estado para tratar este problema.
O alcalde salienta que “ tanto os membros do actual Goberno como o grupo da oposición e os veciños e veciñas de Arbo, sempre deixaron claro a súa oposición firme ao trazado da Linea de Alta Tensión”.
O novo trazado, explica Horacio Gil, suporía realizar o enganche internacional nun punto diferente ao proposto no trazado orixinal da interconexión, pero a validez deste novo punto de enganche esta pendente de confirmación por parte das autoridades portugueses, polo que prefire ter cautela e “non deixar de insistir en que en Arbo non podemos permitir que esta Liña afecte a vida cotiá dos veciños e veciñas de Sela e Barcela, así como do resto das parroquias da vila”.