Permite regresar a la AP-9 o entrar en Vigo, si el aparcamiento está completo
Leer más
Temperaturas baixas en Galicia o pasado mes de agosto cun rexistro normal de chuvia
A variabilidade está a ser a tónica dominante deste verán en Galicia, que despois dun mes de xullo marcado polos continuos cambios de tempo, rexistrou tamén un agosto de contrastes sobre todo no que respecta ás temperaturas.
Segundo o resumo climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, o mes pasado caracterizouse por presentar rexistros de chuvia e normais para esta época do ano e temperaturas moi variables e con notables diferencias dentro da comunidade.
Borrascas impropias de agosto
Esta situación explícase pola gran variabilidade das condicións meteorolóxicas detectada ao longo de todo o mes. Así, agosto comezou cun anticiclón que deu paso a unha segunda semana marcada pola entrada de varias borrascas profundas e moi activas, impropias desta época do ano. Foron as chuvias rexistradas neste período xunto ás que deixou ao seu paso por Galicia unha segunda fronte o día 18 as que contribuíron a que o saldo de chuvias ao final do mes se situase dentro da normalidade.
Temperaturas baixas
Este contraste entre os primeiros compases de agosto e unha segunda metade na que predominaron as situacións anticiclónicas traduciuse nunha gran variabilidade no que respecta ás temperaturas, con valores moi baixos para esta época do ano entre os días 6 e 12 de agosto, que se viron compensados despois coas masas de aire cálido que entraron na comunidade durante a segunda quincena.
Se se comparan os datos de agosto cos valores medios das estacións máis representativas durante o período de referencia 1981-2010, os termómetros situáronse de media no conxunto de Galicia apenas 0,18 graos por riba do habitual para este mes. En todo caso, detectáronse grandes contrastes dentro do territorio.
Así, agosto foi moi frío nalgúns puntos do litoral atlántico e en moitas localidades ourensás, con temperaturas medias case 1 grao por debaixo do esperado. No extremo contrario situouse a provincia de Lugo e o terzo norte da comunidade, con anomalías na temperatura positivas e que nalgunhas zonas chegaron a situarse incluso 1,7 graos por riba dos valores históricos.
Máximas e mínimas por comarcas
Os termómetros alcanzaron en agosto os seus valores máis altos no Miño e nas comarcas de Verín e Valdeorras, na provincia de Ourense, e na zona do Condado, na de Pontevedra, onde as temperaturas máximas situáronse de media por riba dos 31 graos. Pola contra, os rexistros máis discretos das temperaturas máximas concentráronse no oeste da provincia coruñesa e nas zonas máis altas da comunidade, con valores próximos aos 16 graos.
En canto ás mínimas, a media situouse preto dos 8 graos en Verín e en zonas de alta montaña de Ourense, mentres que na práctica totalidade do litoral galego rexistráronse valores medios entorno aos 17 graos.
Polo que respecta ás precipitacións, a normalidade que marcou en Galicia este mes de agosto contrasta coa situación que se viviu durante os tres últimos veráns, marcados precisamente pola escaseza de chuvias. De feito, o ano pasado agosto pechouse cun déficit pluviométrico do 65% en comparación coas precipitacións medias do período 1981-2010.